Вы находитесь на странице: 1из 3

Asociación e federacións

Despois de tres décadas de asociacionismo do sector literario podemos constatar que, a medida que 
se produciu unha mínima normalización do mercado literario (editorial e doutras industrias culturais 
que empregan as creacións dos escritores), variaron tamén as necesidades do colectivo profesional 
e, polo tanto, das asociacións que os aglutinan.

Sen perder o carácter e o sentido reivindicativo lingüístico e cultural ­a miúdo, tamén, o político ­ as 
asociacións de escritores redefiniron, nun grao ou noutro, os seus obxectivos e liñas de acción. 
Cando menos, aquelas que pertencen aos ámbitos lingüísticos e nacionais periféricos do estado 
español. Uns cambios que, obviamente, son de intensidade e manifestación distinta en cada caso, en 
estreita conexión coa diversidade de situación das linguas, das literaturas e das sociedades 
respectivas.

Porén, isto non obsta para que haxa uns trazos que poidan ser comúns e que, de feito, xa estiveron 
en discusión repetidamente ao longo dos vinte e cinco anos que hai que se mantén un contacto 
regular entre as nosas asociacións. Partindo do feito definitorio común que as define a partir dunha 
escolla de lingua e entorno cultural que expresa unha naturalidade que non é tan obvia –que 
continúa a ser unha elección, un compromiso­ que faría falla discutir, se cadra un dos puntos 
principais, até que punto este trazo esencial conduce inevitablemente cara a unha primacía das 
reivindicacións lingüístico­político­culturais por riba daquelas máis estrictamente profesionais. 

É, certamente, un debate que podería semellar sobrante e de solución evidente: ambos os dous 
aspectos han de estar equilibrados, pero na práctica non semella que sexa así. Mentres que a 
Asociación de Escritores Cataláns desenvolve unha acción progresivamente máis centrada na 
defensa dos dereitos profesionais, a galega e a vasca semella que continúan crendo que os factores 
derivados da reivindicación lingüística e política son esenciais, partindo da consideración de que o 
seu estado de “normalización” é inferior ou, se o preferimos, está nun estadio “anterior” á atinxida 
polos cataláns. No tocante a este tema, cómpre lembrar que, por exemplo, o grao de 
desenvolvemento e normalización non é homoxéneo, abofé, nos diversos Países Cataláns, e tamén 
que cómpre cuestionar a cada intre as timideces nas reivindicacións profesionais a partir de 
argumentos como a escasa potencia ou desenvolvemento das industrias culturais propias ou o 
mantemento de hipotéticas “frontes únicas” nas que só se pode aportar sen reclamar nada.

Unha asociación debería, pois, poder equilibrar ambas as dúas características fundacionais tendo 
moi claro que o obxectivo a curto ou medio prazo é o exercicio das súas funcións reivindicativas, 
non unicamente en termos lingüísticos e nacionais diante de inimigos externos, senón tamén das de 
tipo estrictamente profesional perante dos intereses contrapostos das editoriais e das industrias 
culturais. Deica o momento en que non se é consciente de que as apelacións á solidariedade por 
parte destas, e as escusas do “non negocio” ou as limitacións do “aínda non estamos preparados” 
son moi a miúdo, case sempre, unha trampa vergoñosa, non é doado estruturar unha estratexia 
axeitada de defensa dos dereitos e das reivindicacións neste amplo terreo. E, certamente, ao 
principio ­e non unicamente­ cómpre contar primeiro coa sorpresa e despois co escándalo cando se 
presentan estas reivindicacións.

Como consecuencia de estarmos inmersos –sometidos, suxeitos, integrados, como se queira dicir­ 
dentro do estado español, temos unha lexislación de propiedade intelectual única e común da que 
derivan toda unha serie de posibilidade que cómpre exercer e que convén articular organizadamente, 
xa que sempre terá máis eficacia ca en accións illadas, dentro das fronteiras nacionais. E é curioso 
que, se ben ninguén cuestiona a pertinencia e a acción conxunta –até con outras asociacións de 
ámbito estatal e expresión española­ dentro de plataformas como Cedro, semella en cambio como se 
outras posibilidades de marco estatal tivesen menor importancia, en favor da resolución de ámbito 
estrictamente autonómico. Isto é un erro que nos fixo perder moito tempo e que é, en parte, 
responsable da demora no exercicio dalgúns dereitos e reivindicacións. Por exemplo, ter 
menosprezado totalmente até hai ben pouco a reclamación perante o Ministerio de Cultura do que 
nos toca namentres esta estrutura se manteña.

Verbo do sentido e acción da Federación Galeusca, semella que se produciu un malentendido 
lamentable. A pesar das conversacións anteriores entre as tres asociacións, con acordos que 
semellaban firmes, púidose constatar recentemente que estes acordos ou non eran máis que persoais 
ou eran interpretados de xeito diferente por cada unha das partes. En concreto, a decisión de rematar 
co formato anterior do Galeusca co gallo do seu XXV aniversario e despois de constatar o pobre 
balance que ofrecían a repetición mecánica dunha fórmula tan pouco rendible: turismo, temas 
xenéricos de debate – que nin tan sequera se debatían, tan só un desfile de papeis practicamente sen 
discusión­ e máis ou menos aparato de actos institucionais. Semellaba que despois de València­
Gandia se optaba por unha dupla medida que intensificase as relacións e, sobre todo, doase 
resultados máis tanxibles:
- implicar ao máximo en actividades organizadas por unha asociación a invitados das outras 
dúas
- organizar, cando menos, un encontro anual de pequeno formato ao redor de temas máis 
concretos ou de encontro sectorial

Despois –e cunha considerable sorpresa por parte da asociación catalana­ o formato mantense cunha 
mecánica nova que, quizais, permitirá unha maior participación e debate, pero co mesmo  vulto. 
Non se pode esconder que o cambio de circunstancias políticas en Galicia e no País Vasco pode 
conducir a unha necesidade de manter o formato anterior, pero entón xa podemos augurar 
facilmente os pobres resultados máis aló da utilidade puramente interna de “sacar peito” e acadar 
unha resonancia mediática máis ou menos significativa, pero probablemente sen ningunha mellora 
substancial na comunicación entre os escritores das tres linguas, nin no avance das temáticas 
comúns, sobre todo de orde profesional. No tocante a este tema, a xuntanza de Arantzazu será unha 
boa ocasión para debatelo pero tamén, na súa mesma dinámica, de comprobar as limitacións ou 
potencialidades deste formato.

Desgraciadamente, a intercomunicación entre as tres asociacións ficou restrinxida neste 2009, a día 
de hoxe, á reiteración do modelo anterior, coas únicas iniciativas que a AELC propuxo en aplicación 
do que cría acordos en firme: invitar a representantes dos outras dúas literaturas no seu congreso de 
literatura infantil e xuvenil e nunha xornada de explicación dos novos modelos contractuais 
pactados cos editores. Alén do feito de que a nosa sexa a asociación máis antiga, numerosa e 
experimentada en temas profesionais, semella que a dinámica de intercomunicación suxerida non 
experimentou proposta nova ningunha neste primeiro ano de existencia da Federación. Se cadra 
cómpre cuestionar o sentido e a viabilidade...

Guillem­Jordi Graells

Вам также может понравиться