Вы находитесь на странице: 1из 6

A necesidade dunha nova relación entre o

público e o privado
As leccións da actual crise do capitalismo

Levamos arredor de 20 anos de predominio absoluto, a nivel mundial do liberalismo a


ultranza, da teoría e práctica que sostén que as forzas do mercado deixadas sen ningún
tipo de regulación efectiva, son as que máis desenvolvemento económico e social poden
acadar. Por certo, as que puideran existir, cando menos no sector financieiro, demostraron
a súa inutilidade.

A crise demostrou que este liberalismo sen control pode levar a catastrófes e ao
sufrimento a unha grande parte da poboación. Precisamente a aqueles que non tiveron
culpa na súa xénese: traballadores, funcionarios, pensionistas, empresas produtivas,
autónomos, etc.

Até o propio Sarkozy propuxo nin máis nin menos que “había que refundar o capitalismo”;
só foi hai uns meses. Dende aquela, esquecéronse de refundacións e, incluso de
reformas, e trataron de levar o asunto pola teoría de que “vivíamos por enriba das nosas
posibilidades”. Serían os que se facían de ouro especulando cos seus cartos e máis cos
dos demais; a maioría, como moito, pecou de optimista sobre o seu futuro económico,
empresarial, laboral ou social, pero de vivir por enriba das posibilidades, pouco ou nada.

Quen manda de verdade no mundo

A propia crise demostrou quen manda de verdade no mundo: mentres que a empresas
produtivas en dificultades pero con futuro se lles deixa cair cada día, cando non se lles
empuxa á súa ruína con medidas administrativas e políticas, ao grande capital financieiro,
á grande banca, correron os Estados a salvalos cos cartos de todos os cidadáns.
Podemos estar seguros, o capital produtivo, as empresas produtivas son hoxe case un
cero a esquerda dentro das relacións de poder.

Cada quen usa o liberalismo como lle convén

Quen manda de verdade, quen ten a tixola polo mango, os que predican a non
intervención do Estado na economía, estabelecen este principio para que sexa aplicado
aos outros, non para eles que ben que mandan e deciden e, cando teñen problemas, xa
os salvaremos entre todos.

A propia evolución da crise demostra a falacia do liberalismo a ultranza; como se está a


facer na Unión Europea, a receita parece ser, diagnóstico: tuberculose; Tratamento: máis
bacilo de Koch.
Mentres tanto, o suposto paradigma do liberalismo, os USA, están a intervir na súa
economía con unha intensidade que non se recordaba dende hai décadas.

Razóns das grandes diferenzas na repercusión da crise

Por outro lado, hai países que manteñen certa capacidade de intervir na súa economía
como China, Brasil, India, incluso parcialmente Franza e Alemaña, etc. aos que esta crise
practicamente non lles afectou ou lles afectou moito menos; aos paladíns da
desregulación, sexa Irlanda, sexan países emerxentes semellantes aos antes citados, a
crise case os leva por diante.

A grande diferenza de situacións ante a crise non parece ser, tal e como se afirma
continuamente, o ser emerxente ou non, o ser central dentro de Europa ou periférico. As
diferenzas veñan marcadas pola capacidade do Estado de intervir na economía, mellor
resposta á crise, ou a desregulación absoluta, maior impacto da crise.

O liberalismo: solución fracasada

Se a estatalización de toda a economía é unha solución fracasada, tanto teórica como


practicamente, a absoluta liberalización é outro fracaso do mesmo ou, seguramente,
maior calibre.

Hai que buscar unha nova solución, un novo equilibrio entre o público e o privado, de tal
xeito que se aproveite o mellor de cada sector e se potencien mutuamente.

Non é intre agora de determinar que sectores básicos deberían ser públicos nin que
competencias básicas deberían estar controlados ou regulados polo sector público (os
mínimos fundamentais, quizais finanzas, enerxía, servizos básicos á poboación: sanidade,
ensino,...). Inclusive puidera ser que deba depender de cada situación particular e que
algunhas teñan que ser flutuantes ou mixtas.

Algúns deberes do público

Vou centrarme no público, da administración e dos deberes que tería que cumprir para
superar a aversión que provoca en certos sectores, moitas veces con razón.

E dentro da administración, fixareime, como é lóxico, máis na Local por ser a que mais
coñezo.

Hai debates abertos sobre múltiples aspectos da Administración;


o primeiro, a necesidade de adelgazala, creo que xa avancei antes na resposta, pero
matizareino máis adiante.

Relacionado co anterior xorde o debate de que hai demasiadas Administracións ou, cando
menos, demasiados niveis na Administración.

Pode ser certo e a supresión das Deputacións simplificaría o panorama; de feito, nas
Autonomías uni-provinciais xa desapareceron hai moitos anos e ninguén as botou en
falta.

As Deputacións non cumpren as súas supostas funcións, pero axudan a criar “paraísos
fiscais” nos Concellos pequenos e fan discriminacións como a que está a facer con Vigo
(0 euros no Plan Provincial de Investimentos de 75 millóns para toda a provincia); a súa
sona de inúteis e arbitrarias téñena ganada a pulso.

O que non parece que teña ningún sentido é constituir Áreas Metropolitanas (novo nome
para as fracasadas Mancomunidades) como un novo escalón da Administración sen
eliminar previamente as Deputacións.

Sobran Administracións, pois máis Administracións, é o resumo da proposta do PP sobre


Área Metropolitana.

Pero si grave pode ser a inflación de Administracións, moito máis grave é para os
administrados algo do que se fala menos pero que é moito máis perxudicial: as
competencias compartidas, teñan este status legalmente ou simplemente na práctica.

Os exemplos son moi abundantes: urbanismo, costas, ensino, licenzas de actividade,


servizos sociais, etc. Os servizos técnicos dun concello poden supervisar un edificio de
1000 vivendas pero non poden facelo con uns sanitarios dun pequeno negocio no propio
edificio!!

E a outra cara deste fenómeno perverso é a tutela sobre as competencias; a Xunta pode
canalizar un río sen avaliación ambiental, mentres que un concello ten que someter a
terra que se excava no soto dun edificio a esta avaliación. Un funcionario do Estado pode
paralizar ou atrasar indefinidamente unha actuación de recuperación costeira, mentres ao
lado vemos como se destroza impunemente a costa con un paseo aberrante. Podíamos
seguir até o infinito cos exemplos.

Malo de entender polos administrados, absurdos, atrasos, disfuncións, o que queiramos


chamarlle. Os concellos non teñen competencias en seguranza cidadá pero teñen que
emitir informes para os permisos de armas, e levar o rexistro dos cans potencialmente
perigosos.

Asegúrolle que non hai ninguén que controle todas as competencias que temos
compartidas, cales delegadas, e cales tuteladas. Porque ademais cambian cada catro
días; hai que preguntarlle a varios funcionarios e, despois dun sesudo estudo, daranche a
resposta, relativizada con un “depende como se interprete” . Se a quen coñece o Concello
lle pasa isto, que lle sucederá aos administrados?

Obviamente, planificar actuacións cando dependes de non se sabe cantos é unha


aventura imposíbel.

Polo tanto, primeira asignatura a aprobar: simplificación, claridade, racionalización,


transparencia das Administracións.

Sobre as competencias dos Concellos

Non creo que o debate central sexa que os Concellos deban ter máis ou menos
competencias, senón que as que teñan sexan claras, ben definidas e eliminando, todo o
posíbel, as competencias compartidas, as chamadas impropias, as tuteladas, as
delegadas, as supostas e as inventadas, que de todo hai, e as que de verdade se teñan
poidan exercerse con solvencia e axilidade, ou sexa que estean ben financiadas e coas
competencias normativas suficientes para exercelas axeitadamente.

Senón é nestas condicións, que asuma as competencias quen teña interese en tutelar,
informar, compartir. Que as exerza e que deixen de marear a quen pretende resolver
problemas

Alguén cre que se pode falar de que un concello ten competencias en planeamento
urbanístico cando necesita 17 informes, case todos preceptivos e vinculantes e ao final
quen aproba o planeamento non é concello, senón a Xunta? Quen pode funcionar así?.

Esta mesma consideración creo que é extensíbel ao Estado e a Xunta.

E volvo a asunto de “adelgazar a Administración”;

Negativa rotunda a máis Administración mala, repetitiva, enfarragosa, burócraticamente


inútil, paralizante. Os cartos dos cidadáns son sagrados e non se poden despilfarrar
inutilmente.

Máis e mellor Administración, clara, áxil, coas competencias ben definidas, eficiente, con
capacidade de intervención, que resolva problemas con axilidade, rotundamente si. Estou
convencido de que beneficia ao conxunto da sociedade e a economía produtiva.

Obviamente, os principios que apliquei como Alcalde de Pontevedra estiveron rexidos


polas ideas que acabo de expór.
Creo na funcionalidade do público, do común, do compartido e creo que non se pode
rexer a sociedade pola lei do máis forte; aplicado aos espazos públicos, a consecuencia é
evidente: espazos públicos de calidade e re-equilibrio de usos, limitando os abusos dos
máis fortes, os mecanizados, os coches, sobre os máis débiles, peóns, nenos, vellos,
minusválidos, etc. Equilibrio e cohesión social.

Aos que defenden o liberalismo, o todo vale, terán dificultades para entender as razóns
polas que esta política tivo un efecto moi positivo sobre a economía e á sociedade; pero
as cifras demostran o que nos supoñíamos; a política do público é beneficiosa inclusive
para os que defenden o contrario.

O suplicio que padecen os cidadáns coas competencias compartidas co clásico papel vai,
papel ven, papel extraviado, papel atopado meses despois, tamén o padece calquera
goberno local; é unha auténtica tortura.

Cando tes unha competencia clara, exclusiva, ben definida, cando non dependes de outra
administración, podes solucionar os problemas, actuar con planificación, gobernar,
tramitar, solucionar.

Cando dependes de outras administracións, para tomalo con humor hai que botar man da
Roda e a súa Foliada do Celta:
“Sempre andas dicindo para o ano que ven, e chega outro ano e pasa tamén”. Ou se
prefiren, de Osvaldo Farrés na famosísima “Sempre que che pregunto/que cando, como e
onde/ti sempre respondes/quizais, quizais, quizais” A desesperación, a nada. Como moito
resolves un problema cando xa non é prioritario.

Para rematar, sei que as miñas opinións son minoritarias, inclusive entre os alcaldes e
alcaldesas dos concellos galegos. Xa o foron menos e estou convencido de que chegarán
a seren maioritarias.

Son nacionalista, polo tanto creo que avanza Galiza en conxunto ou pouca solución
particular pode haber,

creo no público, e por iso quero que funcione mellor e que resolva máis problemas, que
non sexa un estorbo, ao contrario, que sexa unha palanca de progreso.

E son Alcalde, non teño aspiracións de virrei nin de presidente do Cantón ou da república
independente do Concello respectivo.

Se lles aportou algo, agradecido e encantado pola súa atención; caso contrario, pido
desculpas polo tempo que lles fixen perder. Moitas grazas, moitísimas grazas pola súa
atención.

Вам также может понравиться