Вы находитесь на странице: 1из 8

OS

MISTERIOS
DE ELEUSIS

1. AS DEUSAS
Os Misterios de Eleusis están consagrados á deusa Deméter e á súa filla
Perséfone.

Deméter é una antiquísima deusa ctónica, deusa da terra, divindade do


misterio vexetal, da cultura dos campos e en especial da terra cultivada e do trigo. En
principio era unha divindade tranquila, pero a causa do rapto da súa filla perde a calma
e a paixón penetra na súa persoa, converténdoa nunha deusa errante e chea de dor. O
seu nome está relacionado coa palabra demetreioi, apelativo que se daba ós mortos
dos que se dicía que volvían ó útero da nai universal. Os mitos sobre a súa persoa
desenvólvense en tódalas rexións do mundo helénico en que se cultivan cereais. Os
atributos desta deusa son a espiga, o narciso e a papoula. Con frecuencia,
represéntase sentada, cun facho na man ou cunha serpe.

Perséfone, antes de ser emparentada con Deméter, era unha divindade do


mundo vexetal, unha figura de rasgos sombríos, vinculada ó mundo da morte, á noite e
ás tebras presididas por Hécate. Por isto é considerada a deusa dos Infernos,
compañeira de Hades. Tamén é coñecida co nome de Coré (Koré en grego significa
doncela). Máis tarde, emparéntase con Deméter, pasando a ser considerada a súa filla.

No culto eleusino, Deméter sempre personaliza o aspecto terreal e Perséfone o


espiritual. Tanto a filla como a nai representan a fertilidade, a capacidade de ser nais,
de procrear e de ter importancia na vida terreal.

2. O MITO

O mito explícanos que Perséfone foi raptada polo seu tío Hades, deus dos
Infernos, que, tras namorarse dela, lévaa á súa morada. Deméter pasa 9 días e 9 noites
buscando á súa filla con fachos prendidos, sen comer nin beber nada, ata que no
décimo día, cando Hécate se une a ela na busca, o Sol lles conta a ambas todo o que
sucedera. Deméter, aflixida, vaga polo mundo e acaba pechándose no seu templo en
Eleusis, polo que a terra neste momento deixa de producir froitos. Zeus intervén para
que a rapaza volva coa súa nai, pero esta non pode volver xa que Hades conseguira
que Perséfone comera unha semente de granada (o que a encadeaba para sempre ó
Inferno), polo que o pai dos deuses actúa de xuíz e dispón que Perséfone pase unha
parte do ano na Terra coa súa nai e outra parte nos Infernos. En canto á división do
tempo que pasa en cada lugar non está clara, xa que algúns autores din que pasa
medio ano en cada lugar e outros que pasa unha terceira parte na Terra e o resto con
Hades. Como froito do rapto, Perséfone ten un fillo con Hades, que é Pluto, o deus da
riqueza, que ten importancia neste culto mistérico de Eleusis.

As orixes míticas do culto de Eleusis están neste mito, que se conta no Himno
Homérico II: Deméter na busca de Perséfone chega a Eleusis con aparencia de anciá,
onde fai de nodriza do fillo do rei Celeo, Demofonte. A deusa pretende que o rapaz
alcance a inmortalidade, polo que o somerxe polas noites en lume, ata que unha noite
Metanira, a nai do rapaz, a sorprende e Deméter interrompe o seu ritual, polo que
Demofonte continúa sendo mortal, pero con honores. A deusa, tras o seu fracaso,
ordena a construción do templo de Eleusis e do seu altar e dálle a Demofonte como
don o rito da iniciación eleusina para compensar o fracaso de convertelo en inmortal.
Outra versión cóntanos que, tamén na procura da súa filla, Deméter chega xunto o rei
Eleusio e alí fai de criadora do fillo deste, Triptólemo, onde se repite o proceso de
somerxer ó rapaz en lume e o seu pai tamén a descobre, pero neste caso Deméter
mata ó proxenitor do neno. Triptólemo medra e funda a cidade de Eleusis e establece
as festas chamadas Tesmoforias dedicadas a Deméter. Ademais dise que este mozo foi
o encargado de comunicar por todo o mundo o gran segredo do gran que lle ensinara a
deusa. Grazas a isto, Triptólemo pasou a ser un dos xuíces do mundo de ultratumba,
porque adoitaba crerse que os Misterios de Eleusis gardaban a moral.

Resulta importante nas dúas versións deste mito o trato que lle dá a deusa ó
neno, como se fose a súa nai, pero non unha nai biolóxica, senón creando unha
relación cultual que é independente da comunidade e polo tanto sen fronteiras. Esta é
unha característica dos misterios: a filiación coas deusas e a irmandade dos mystai (os
iniciados nos Misterios) sen ter en conta os lazos biolóxicos.

3. FESTAS

A celebración en Eleusis estaba constituída por ritos secretos e contido


iniciático, suxeito todo á lei do silencio místico. Os Misterios de Eleusis tiñan como
obxecto a revelación ós mystai das relacións secretas existentes entre os fenómenos
da vida cósmica e a vida humana: tendían a instruír, pero sobre todo a consolar e
fundar unha esperanza de vida futura, de inmortalidade e renacemento. Ensinaban
que a morte é o tránsito dunha vida a outra, a levar unha vida pura e a mostrarse
digno das ensinanzas alí recibidas. A supervivencia da alma dábase por feito desde
facía xa algún tempo, polo que máis que insistir en que as almas seguen vivindo
sempre, facíase fincapé en como será a vida das almas despois da morte.

Os misterios eleusinos celebraban o regreso de Perséfone, pois este era tamén


o regreso das plantas e da vida á terra, a súa volta é un símbolo de renacemento de
toda a vida vexetal durante a primavera (que era cando estaba na terra, o reto do
tempo pasábao nos Infernos). O myste ó final tiña o sentimento de ter sido
transformado interiormente e que desde entón estaba ligado ás deusas por unha
relación persoal moi estreita, a filiación cultual da que se falaba antes. O iniciado
convertíase nun elixido, seguro de ter nesta vida e na outra unha sorte diferente da
común ó resto dos seres humanos, os misterios abrían a perspectiva de continuar
baixo a terra unha existencia máis feliz. A iniciación consistía nun espertar de certos
sentimentos, nun novo estado da alma. Os que participaban na cerimonia eran
amados polas deusas e estas enviábanlles a Pluto, para que lles repartise riquezas.
Había dous dons que Deméter concedía en Eleusis: o trigo como base de vida civilizada
e os misterios que gardaban a esperanza para unha vida futura máis feliz. Os Misterios
de Eleusis ían acompañados de xogos e concursos deportivos (loita, carreiras, etc.).

O iniciado, na súa vida normal, non presentaba ningún signo de pertenza ó


grupo de Eleusis, xa que era un segredo: o culto en orixe naturista impregnouse de
contido ético e soteriolóxico.

Existen nos Misterios de Eleusis dous niveis de iniciación: o rito primeiro, a


myesis (Pequenos Misterios), que tiña lugar en Agra, e o segundo, a epopteia (Grandes
Misterios), que se desenvolvía en Eleusis.

3.1. Pequenos Misterios


Os pequenos misterios servían como preparación do que ocorrería máis tarde
en Eleusis. Estes misterios menores celebrábanse no mes de febreiro, so día 19 ó 21 en
Atenas, e os iniciados nestes eran admitidos na epopteia un ano despois. O recinto
sagrado, en Agra, estaba situado á beira do Iliso. Estas celebracións representaban o
momento en que Deméter ten o primeiro presentimento da reaparición da súa filla.

Para iniciarse nestes misterios en principio requiríase ser cidadán libre dun
estado helénico, non ser culpable de delito grave e ter a dous mystai como padriños.
Máis tarde a esixencia de ser cidadán libre e grego desapareceu e as iniciacións
estendíanse a escravos e bárbaros, excepto ós persas. Os candidatos antes de ser
mystai chamábanse neófitos, e xa facían voto de silencio absoluto sobre os misterios e
voto de facer vida pura e meditativa.

Había un proceso de purificación e sacrificio que pasaban os que se iniciaban.


Estes tiñan que levar un porco para sacrificar (xa que este animal é inimigo de Deméter
porque arruína os campos): o hierofante (sacerdote) derramaba algún líquido sobre o
animal, mentres que na man esquerda sostiña un prato con papoulas (flor sagrada de
Deméter), e coas mans manchadas da sangue do porco o que sacrificaba rezáballe a
Zeus e purificábase a si mesmo cun sacrificio incruento. Era un sacrificio expiatorio: os
porcos tiñan a misión de morrer en vez do iniciado. Os que necesitaban ser purificados
máis profundamente por estar manchados por algún crime, tiñan que sentarse sobre
unha pel de carneiro que se mataba durante os restantes ritos de purificación. Despois
disto, unha sacerdotisa emprendía unha purificación máis minuciosa cunhas peneiras
para limpar o gran, na que se gardaban accesorios dos ritos dionisíacos (deus tamén
relacionado coas deusas protagonistas). Unha vez que o iniciado xa está limpo, pódese
instruílo, xa está preparado.

Despois de todo isto tiñan lugar os dramas simbólicos que ilustraban o mito de
Deméter e Perséfone. As cerimonias celebrábanse de noite, polo que os fachos e os
recursos luminotécnicos xogaban un gran papel. Hai a idea de que o lume tiña un gran
poder nestes misterios.

Os Pequenos Misterios estaban presididos polo basileus, ó que asistía o persoal


relixioso de Eleusis e as familias sacerdotais ligadas a este culto. Todo o demais era
secreto.

3.2. As Grandes Eleusinas

As Grandes Eleusinas celebrábanse en Eleusis, con ocasión das iniciacións, en


setembro, pero cada 4 ou 5 anos adquirían un esplendor especial. Nun principio había
un espazo reservado para a danza dos iniciados, que acabou desaparecendo.

O día 14 de setembro os mystai ían en procesión desde Atenas a Eleusis, o que


levaba unha xornada. Outra teoría pensa que este día facíase a procesión de Eleusis a
Atenas (ata o templo Eleusinio que está ó pé da Acrópole), levando os obxectos
sagrados en cestas escoltadas polos efebos. A chegada destes obxectos era notificada
á sacerdotisa de Atenea ante os maxistrados reunidos e os sacerdotes, en medio
dunha gran afluencia. Sexa cal fose a ruta, un home que recibía o nome de daduco,
cunha tea en cada man, era o encargado de iluminar o camiño dos peregrinos ó caer a
noite. Outro guía era o mystagogos. Probablemente tódolos dignatarios sacerdotais
encabezaban a procesión ou polo menos participaban nela. A procesión facíase
levando unha vasilla sobre a cabeza e ó chegar á ponte s9bre o Cefiso os peregrinos
realizaban disputas licenciosas, que posiblemente servían para alonxar o mal de ollo.
Tamén se pensa que estas obscenidades que berraban son en recordo de Iambe ou
Baubo, unha vella que contando chistes impúdicos fixera rir a Deméter cando choraba
a perda da súa filla. Atravesando a ponte chegaban a unha montaña desde a que se vía
o mar coa illa de Salamina e de fronte a cidade de Eleusis cos seus templos. Chegados á
cidade santa, os mystai debían permanecer alí unha semana, cun programa preciso
para cada día.

O día 16 chamábase agyrmos ou prorresis porque era o día no que o hierofante


(sacerdote) acompañado do daduco procedía á apertura solemne das festas. Aqueles
que eran admitidos debían tomar un baño sagrado no mar de Eleusis como
purificación antes de entrar no templo.

Os días 17 e 18 facíase xaxún, sacrificios e xogos, e ó final dábaselles unha


bebida misteriosa chamada kykeon (que se pensa que podía ser unha bebida
alucinóxena). Parece que o día 17 levaba o nome de Halade mystai polo berro que
proferían os iniciados (“ó mar, mystai”) porque estes ían ó mar, onde purificaban un
porco encargado de liberalos das súas manchas. Cando xa estaban purificados no mar,
vestidos con roupas novas e coroados con mirto, subían en procesión á cidade, onde
participaban nun sacrificio purificador. Estes días os mystai abstéñense de alimento,
igual que fixera Deméter na súa dor, e só comen cando se fai noite e levan fachos,
porque tamén a deusa os prendera nas chamas do Etna.

O día 19 chegaba unha segunda comitiva desde Atenas: efebos que chegaban
de noite á luz das teas. Tamén se pensa que é o regreso dos obxectos sagrados en
procesión desde Atenas a Eleusis, se consideramos que o primeiro día estes son
levados de Eleusis a Atenas, como se dixo antes. A procesión volvía acompañar os
obxectos sagrados que ían en cestas que os ocultaban das miradas, que ían nun carro
que seguía á estatua de Iacco (pénsase que é o deus Dioniso con outro nome e
presentado como fillo de Perséfone), e detrás de todo isto o persoal sacerdotal, os
mystai, os maxistrados, cidadáns e curiosos atraídos pola festa. O protagonista deste
día era o xa mencionado deus Iacco, ó que se lle cantaba un himno.

O día 20 tiñan lugar as verdadeiras Eleusinas, en medio do silencio e cunha gran


organización: os mystai, que levaban unha coroa de mirto sobre a cabeza,
congregábanse no Telesterion (templo consagrado ás dúas deusas) e asistían a
diferentes actividades. Antes de entrar facíase unha homenaxe a Iacco, os fieis bebían
o kykeon e despois entraban os que se purificaran. Xa dentro, comezábase cun
sacrificio sagrado a Deméter e Perséfone no recinto do peribolo, ó que só estaban
admitidos os iniciados do ano anterior e os candidatos á iniciación, que comían alí
carne dos animais sacrificados. Clemente de Alexandría deixounos a testemuña de que
antes do sacrificio os que ían ser iniciados dicían: “Fixen xaxún, bebín o kykeon, collín
da cesta e despois de traballar volvín poñelo no canastro, volvín coller o canastro e
volvín poñer na cesta”. Esta é a única referencia que temos acerca dunhas palabras
sagradas para a cerimonia pronunciadas polos fieis, aínda que hai moitas dúbidas
sobre elas: algúns interpretan que versan sobre a unión sexual, pero non pode
esclarecerse. Tras todo isto, no Telesterion prendíase lume e facíase unha gran luz no
interior do templo, que non só servía para iluminar, senón que tamén era un elemento
de purificación. Ó celebrar os segredos, representábase a unión de Zeus con Deméter
mediante a unión do hierofante coa sacerdotisa, o que se interpreta como un
matrimonio sagrado; a súa cópula era simbólica, xa que o hierofante privábase
temporalmente da súa virilidade cunha aplicación de cicuta. Tras isto, representábase
o nacemento dun neno, Pluto. Mentres todo isto sucede, os fachos apagábanse e a
multitude esperaba mentres a parella baixaba a un lugar escuro, pero ó rematar o
templo ilumínase subitamente mentres o hierofante sae cantando, dicindo que a
Señora deu a luz a un neno, que a Forte deu a luz ó Forte. Porén, hai quen di que o fillo
é de Perséfone, que volvía de entre os mortos co seu neno. Deste xeito proclamábase
que era posible o nacemento na morte, incluso para os seres humanos, se teñen fe
nas deusas. Fose fillo dunha ou outra, o nacemento era importante porque se cría na
necesidade dese rito para a fecundidade do chan e o ben da colleita. Finalmente o
hierofante exhibía unha espiga de trigo cortada e véndoo era coma se os mystai
volvesen da outra vida a este mundo tras un tempo de silencio, o que nos demostra o
importante que era o factor visual. Nesta cerimonia, a partir dun momento dado, os
mystai pasaban a ser epoptai.

O día 21 remataba a festa cun panexírico en loanza das deusas dos Misterios.

Por último, o día 22 facíase un festín chamado pannychis que duraba toda a
noite e se acompañaba de bailes e danzas celebrando a chegada de Asclepio ós
Misterios. Esta cerimonia, en que se sacrificaba un touro, comezou a celebrarse
aproximadamente a partir do ano 420 a.C..

O paso do myste a epoptes encerraba todo o misterio da iniciación: ó myste


revelábaselle o ciclo da aparición e desaparición dos seres, o sentido da existencia
humana, a vida e a morte. Non hai ningún tipo de ensinanza dogmática, senón unha
transformación interior baseada na emoción do reencontro co divino e a promesa de
coñecer despois da morte unha vida máis feliz que a dos non iniciados.

Вам также может понравиться