Вы находитесь на странице: 1из 7

O sector primario na Unión Europea.

As características do sector primario.


Algo máis do 77 % do territorio da Unión Europea considérase espazo rural. O 47 % deste
dedícase a actividades agrícolas e o 30 % son terreos forestais. Neste espazo rural vive o 56 % dos
cidadáns comunitarios, pero só un 5 % da poboación ocupada da UE traballa no sector primario.
O sector primario foi perdendo importancia na economía da Unión Europea. O valor da súa
produción non alcanza hoxe o 3 % do PIB, aínda que esta porcentaxe se eleva ata o 6 % se lle
sumamos a produción da industria agroalimentaria á que abastece.
A produción agraria é moi variada: cereais (sobre todo trigo, espelta e millo), forraxe,
sementes e froitos oleaxinosos, verduras e hortalizas, froitas, patacas, leite e carne principalmente.
Respecto ás actividades agropecuarias, conviven as explotacións intensivas, extensivas e
ecolóxicas. O seu tamaño medio é de 15 hectáreas e teñen unha alta produtividade como resultado
do elevado grao de mecanización do sector. Parte da produción destínase á industria. A Unión
Europea é un dos principais exportadores de produtos agroalimentarios e, ao mesmo tempo, o
maior importador de alimentos.
En canto á pesca e á acuicultura, a Unión Europea ocupa o quinto lugar por produción do
mundo, por detrás de China, Indonesia, India e Perú. Por volume, os maiores produtores son
España, Dinamarca, Reino Unido e Francia. A pesar da elevada produción, a UE importa produtos
pesquemos. Un dos países que máis importa é España, debido á tradición do seu consumo.

Os contrastes entre os países.


Outro trazo fundamental da produción agropecuaria na Unión Europea é a súa especialización
rexional.
• Na Europa atlántica predominan as explotacións gandeiras alimentadas con pastos e plantas
forraxeiras.
• Na Europa mediterránea practícase unha agricultura extensiva de secaño, dedicada
fundamentalmente ao trigo, á vide e á oliveira, e unha agricultura intensiva en que o regadío permite
altos rendementos e que ten como principais cultivos as hortalizas e as froiteiras.
• As chairas do interior están especializadas nunha agricultura extensiva de alto rendemento
grazas á mecanización e á rotación de cultivos. No inverno cultívanse cereais e patacas, e no verán,
forraxe para o gando e remolacha, principalmente. É propia desta zona a explotación mixta de
agricultura e gandaría.
Os países de Europa occidental contan cun sector agropecuario altamente mecanizado,
mentres que nos de Europa oriental a mecanización é moito menor. Nalgunhas rexións dos países do
sur e do leste de Europa practícase aínda unha agricultura tradicional con baixos rendementos.

A Política Agrícola Común (PAC).


Desde 1962, existe unha Política Agrícola Común (PAC) que comparten todos os países da
Unión Europea. Esta política está en constante renovación para axustarse ás necesidades do sector,
que debe competir nun mercado global.
Os obxectivos actuais da PAC pódense resumir nestes puntos:
• Garantir a seguridade alimentaria para Europa.

1
• Aumentar a competitividade do sector agropecuario. Garantir a produción de alimentos
sans e de calidade a prezos accesibles.
• Mellorar as condicións sanitarias dos animais e o seu benestar, o que repercutirá na
salubridade dos produtos.
• Producir de forma respectuosa co medio.
• Procurar o benestar da sociedade rural, asegurando uns ingresos razoables e estables aos
agricultores e gandeiros.
• Conseguir unha economía rural sustentable e dinámica en todas as rexións.

Á PAC destínase actualmente arredor do 40% do orzamento da UE.


A gran maioría do gasto da PAC emprégase nas axudas directas aos agricultores e gandeiros.
Desde a reforma adoptada en 2014, estes reciben un pago básico por explotación, ao que se suman
outros condicionados ao cumprimento de normas sobre prácticas agrícolas sustentables e beneficios
medioambientais. A PAC tamén os axuda a investir na modernización das súas explotacións.

A Política Pesqueira Común (PPC).


En 1983, adoptouse a Política Pesqueira Común (PPC). Así, a pesca pasou a ser, igual ca a
agricultura e ca a gandaría, unha competencia compartida entre a Unión Europea e os Gobernos dos
Estados membros.
A PPC naceu co obxectivo principal de aumentar a produtividade do sector de forma que se
garantise a seguridade alimentaria na UE e uns prezos razoables para os consumidores. Cos anos,
esta política tivo varias reformas e ao obxectivo inicial sumáronse estoutros fundamentais:
• Garantir unha explotación sustentable, de xeito que se manteñan as poboacións das
especies capturadas a longo prazo.
• Protexer os ecosistemas mariños e costeiros, aplicando medidas que minimicen os
impactos negativos da pesca e da acuicultura.
• Garantir a saúde humana.
• Asegurar un nivel de vida xusto aos traballadores do sector.
Para lograr os seus obxectivos establece cotas de pesca por países nos caladoiros propios e o
tamaño mínimo que deben ter as especies capturadas, fixa vedas para certas especies, promove o
desenvolvemento da acuicultura e medidas que permitan unha pesca máis selectiva que reduza o
descarte de especies capturadas non desexadas, etc.

O sector primario en España


As características do sector primario
Na actualidade, o sector primario en España reduciu a súa importancia respecto á poboación
ocupada (4,2 %) e a súa achega ao PIB (2,7 %). A pesar disto, o valor da produción medra cada
ano e o sector e fundamental para a economía española por diversas razóns:
• España é un dos países da Unión Europea cun sector primario máis potente. Proporciona
máis do 11 % do valor conxunto da produción agraria da UE e ocupa o primeiro posto
en produción pesqueira.

2
• Os produtos agrarios e pesqueiros constitúen as materias primas de moitas das nosas
industrias.
• Arredor do 15 % das exportacións españolas procede dos alimentos.
Non obstante, o sector primario español presenta certos puntos débiles:
• Unha poboación envellecida: máis do 61 % dos propietarios de explotacións agrarias
supera os 55 anos.
• O gran peso das pequenas e medianas explotacións, que cuestiona a súa viabilidade nun
mercado cada vez máis competitivo.
• A pouca produtividade da agricultura de secaño, principalmente polo escaso investimento. A
baixa produtividade da gandaría extensiva e a dependencia da gandaría intensiva.

A agricultura.
A agricultura ocupa un papel predominante no sector primario español. Os produtos
agrícolas proporcionan máis do 60 % do valor da produción final agraria (PFA), moi por riba da
media europea.
Despois de Francia, España é o país comunitario que máis porcentaxe do seu territorio
utiliza para a agricultura (34,4 %). Case o 80 % deste territorio agrícola dedícase a cultivos de
secaño, e arredor do 20%, a cultivos de regadío.
A agricultura española caracterízase por unha gran diversidade produtiva. A maior
produción corresponde a produtos hortofrutícolas, viñedo, oliveira e cereal. A maioría das
exportacións e das importacións de produtos agroalimentarios realízase con países da Unión
Europea.

A gandaría
A gandaría ten un peso importante, pois achega o 35 % do valor da produción final agraria.
España ocupa o segundo lugar da Unión Europea en cabezas de gando ovino, porcino e caprino.
O gando porcino proporciona máis dun terzo da produción animal. Cataluña e Aragón
concentran case a metade dos efectivos.
Séguea en importancia o gando bovino, que achega o 28 % da produción e ten gran presenza
en Castela e León, Galicia e Estremadura.
Predomina a gandaría intensiva e estabulada. As explotacións caracterízanse por uns
grandes investimentos, un elevado grao de mecanización e uns altos rendementos. Moitas délas
sitúanse preto das grandes cidades.

A pesca
España ocupa o primeiro posto da UE por tamaño da frota, o segundo por volume de
capturas e o segundo lugar tamén por consumo per cápita de peixe, despois de Portugal.
A incorporación de España á UE supuxo un impulso para a modernización do sector pesqueiro, pero
perdéronse empregos e España tivo que acatar normas como o límite e os métodos de capturas.
Hoxe conviven a pesca artesanal e a industrial.
A plataforma continental española é estreita e o que se obtén déla é insuficiente para abastecer
o noso consumo de peixe. Por iso, establecéronse acordos pesqueiros con outros países.

3
Contrastes e desequilibrios
Nos últimos anos realizáronse grandes investimentos no sector agropecuario a través dos
Fondos Estruturais da PAC (Política Agrícola Común) da UE: ampliáronse os regadíos e
desenvolvéronse novas técnicas de cultivo.
Pero non todas as rexións se beneficiaron por igual. O litoral mediterráneo e andaluz atopou
un bo mercado para os seus produtos hortofrutícolas. Outros produtos sufriron grandes restricións,
como a gandaría bovina da cornixa cantábrica ou os cereais e viñedos do interior peninsular.
Nas rexións que máis sufriron a crise do sector produciuse un importante despoboamento.

As paisaxes agrarias españolas


A paisaxe da España húmida
Localízase no litoral cantábrico, en gran parte de Galicia e nos Pireneos occidentais.
O hábitat é fundamentalmente disperso. O medio é pouco favorable para a agricultura, que se
limita ás zonas baixas do litoral e aos vales fluviais. Predomina o minifundio, con leiras cercadas.
O clima oceánico permite o desenvolvemento de amplas pradarías naturais, o que explica a
dedicación esencialmente gandeira da zona, sobre todo de bovino para leite. O aproveitamento
forestal do terreo tamén é importante.

A paisaxe mediterránea cálida


Esténdese polo litoral mediterráneo, o val do Guadalquivir e o sur de Estremadura.
O hábitat é concentrado. No sur coexisten grandes e pequenas leiras abertas; mentres que no
litoral catalán, levantino e balear predomina o minifundio con leiras cercadas.
Desenvólvense a agricultura de secaño e de regadío. O secaño dáse no val do Guadalquivir
e nas áreas montañosas das zonas prelitorais, onde dominan a triloxía mediterránea (trigo, vide e
oliveira) e a amendoeira. O regadío ocupa o resto, moi favorable para o cultivo de hortalizas e
froitas.

A paisaxe mediterránea fresca


Esténdese por gran parte do interior peninsular.
Presenta un hábitat concentrado. As concas do Douro e do Ebro dominan as pequenas leiras,
mentres que nas zonas máis áridas destaca o latifundio e o openfield. Distínguense tres ámbitos:
• Nas zonas de regadío, xunto aos ríos, cultívanse cereais, hortalizas, froiteiras e plantas
forraxeiras e industriais en pequenas leiras abertas.
• Nas zonas altas e chas predominan os cultivos extensivos de cereais, combinados cunha
gandaría extensiva de ovino para carne. En Estremadura, os claros do bosque mediterráneo
crean a paisaxe de devesa, con leiras grandes e abertas.
• Nas zonas que enlazan as cadeas montañosas coas chairas esténdense cultivos de secaño de
vide, oliveira e amendoeira. Estes combínanse coa gandaría ovina extensiva para carne. As
leiras son grandes e abertas.

4
A paisaxe agraria canaria
En Canarias, as actividades agrarias están condicionadas polo relevo montañoso, os solos
volcánicos e o clima cálido, e crean unha paisaxe característica en que domina o hábitat
concentrado.
No litoral e nas zonas expostas aos ventos frescos e húmidos do Atlántico danse cultivos
para a exportación (plátano, pataca, tomate), plantacións tropicais (mango, aguacate, pina) e
cultivos baixo plástico (flores, cogombro, pemento).
En zonas máis altas do interior dáse unha agricultura tradicional e a gandaría extensiva
caprina.

A paisaxe da montaña húmida


Ocupa as áreas de maior altitude da Península. O relevo e as características do clima fan
que estas zonas sexan pouco favorables para a agricultura. Esta practícase fundamentalmente nas
zonas baixas dos vales, onde se desenvolve un policultivo orientado ao consumo da familiame ao
cultivo de plantas forraxeiras para alimentar o gando.
A principal actividade é a gandaría extensiva de bovino e ovino para carne. Por iso, gran
parte das terras dedícase a pastos para o gando. Tamén é importante a explotación forestal.

O sector primario en Galicia


A economía de Galicia estivo historicamente relacionada co sector primario: agro e pesca.
Na actualidade, a importancia deste sector na economía galega tende a diminuír: no ano 2014
ocupaba o 6,7 % da poboación activa, e constituía o 4,3 % do PIB de Galicia.
A pesar da reducida porcentaxe destes datos, a importancia do sector primario en Galicia é
grande porque moitos dos produtos primarios son a base de varios sectores da industria,
ademais de que os produtos agroalimentarios son un dos que máis se exportan ao exterior. En
2014 había 49.100 traballadores na agricultura, a gandaría e a silvicultura, e outros 17.000 na pesca
e na acuicultura.

A agricultura
A agricultura galega é intensiva e de policultivo, xa que se obteñen varios produtos ao
longo do ano. Un elemento fundamental da estrutura agraria galega é o predominio da pequena
propiedade ou minifundio. O feito de que as explotacións sexan pequenas non implica unha
produción baixa.
Os principais cultivos de Galicia son a vide, a pataca, o millo, as plantas forraxeiras e as
hortalizas.
Os tradicionais cultivos do millo, o trigo e o centeo están en regresión, aínda que seguen
ocupando unha grande extensión de terreo. As hortalizas, as froitas e o viñedo ocupan unha menor
extensión, pero os ingresos que proporcionan son máis altos.

A gandaría

5
A gandaría achega máis da metade da produción final agraria de Galicia, a pesar de
predominar a pequena explotación familiar. O proceso de especialización gandeira comezou a
partir da década de 1960, co abandono da agricultura tradicional e a emigración de moita poboación
rural ás vilas e ás cidades. Destacan os seguintes tipos de gandaría:
• O gando bovino ou vacún, destinado sobre todo á produción de leite e de carne, conta cun
millón de cabezas. A produción láctea representa a terceira parte do total español, e está
estabilizada arredor de 2 millóns de litros.
• O gando porcino está destinado a produción de carne e conta cun millón de cabezas.
• As granxas avícolas están destinadas á cría e engorde de polos e á produción de ovos.

A pesca
A primeira actividade do sector primario galego é a pesca, que representa a metade das
capturas españolas e a cuarta parte das europeas. A pesca galega é importante tanto polo
volume das capturas coma polas dimensións da súa frota. No ano 2014 Galicia tiña máis de
4.500 buques pesqueiros, mil menos ca dez anos antes.
Distínguense diferentes tipos de pesca: marisqueo, pesca de litoral e pesca de baixura e de
altura.
Son moitos os portos con actividade pesqueira, pero os desembarcos de peixe
concéntranse en Vigo, A Coruña, Burela, Celeiro e Ribeira. Destacan as capturas de pescada,
xurelo, xarda pintada e lirio.
A acuicultura adquiriu importancia no sector co cultivo do mexillón en bateas, do rodaballo
en granxas costeiras e da ameixa, que se cría en área.

A explotación forestal
Galicia ten unha grande extensión forestal. Dous terzos do noso territorio son montes que
achegan máis dun terzo da produción de madeira española. O sector conta con:
• Industrias de primeira transformación, como serradoiros, fábricas de taboleiros,
aglomerados e unha industria de pasta de papel.
• Industrias de segunda transformación, que elaboran mobles, carpintaría de obra,
revestimentos para o chan, embalaxes, etc.

Os retos
O sector primario en Galicia ten varios retos. O avellentamento da xente que traballa e vive
no medio rural é o seu problema máis grave. Para soluciónalo, débese intentar frear o
despoboameto rural con incentivos ao asentamento e a permanencia de xente nova.
Outro reto do sector primario é o potenciamento da agricultura e a gandaría ecolóxicas.
Unha liña de actuación consolidada é a política de promoción de produtos tradicionais con selos
de calidade Alimentos de Galicia (queixos, carne, patacas, pan, mel, etc.) que garanten a orixe, o
sabor e a calidade dos produtos.
En relación coa pesca, as políticas deben ter en conta a sustentabilidade ecolóxica dos
mares.
No tocante á explotación forestal, débese potenciar a reforestación con especies
autóctonas que produzan madeira de calidade e evitar o monocultivo.

6
En xeral, compre promover políticas de recuperación do campo: banco de terras,
aproveitamento enerxético do mato, etc

Вам также может понравиться